PONTEVEDRA> Nunha xornada na que percorreu as catro capitais de provincia, o candidato do Partido Popular, Alfonso Rueda, quixo comezar o día na casa. Esta mañá, reuniuse con apoderados e interventores do PPdeG. Rueda opuxo a súa proposta dunha Galicia, dixo, que funciona, á dun multipartito liderado polo nacionalismo-independentismo do BNG.
Alfonso Rueda comezou a xornada final de campaña rodeado dos seus. En Pontevedra, mantivo unha reunión con apoderados e interventores do PPdeG. Trasladoulles a súa satisfacción polo traballo feito.
Rueda insistiu na súa mensaxe. O Partido Popular precisa acadar unha maioría absoluta para poder manter a Xunta de Galicia. A alternativa, dixo, sería un multipartito encabezado polo nacionalismo-independentismo.
Outro punto da campaña do PP na nosa contorna estivo hoxe en Vilagarcía. O candidato e conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou os terreos que acollerán o futuro centro de saúde.
Rueda contou tamén co respaldo dun peso pesado do Partido Popular estatal. A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ofreceu un almorzo informativo en Sanxenxo acompañada do alcalde Telmo Martín. Dende a tribuna, Díaz Ayuso pediu o apoio a Alfonso Rueda para evitar a vitoria do nacionalismo en Galicia.