Cambados pechará ao tráfico Fefiñáns e o seu entorno durante o verán

CAMBADOS> A praza de Fefiñáns será peonil durante o verán. O concello de Cambados pechará ao tráfico a praza e o seu entorno nos meses de xullo e agosto; unha medida coa que pretenden garantir a seguridade dos milleiros de veciños e visitantes que percorren o casco histórico cambadés nesta época.

Os meses de xullo e agosto, a praza de Fefiñáns permanecerá cortada ao tráfico. O concello de Cambados peonalizará a praza e a rúa Príncipe durante o verán, despois de que a medida contara cun informe favorable da Policía Local.

Garantir a seguridade é o obxectivo principal do concello. Máis aínda despois dos accidentes que se produciron a principios de ano na rúa Real e que puxeron o foco sobre os perigos de manter o tráfico rodado nunha zona con tanto afluenza peonil durante o verán.

José Ramón Abal recoñeceu que a medida non conta co respaldo unánime dos hostaleiros e comerciantes do entorno, aínda que a existencia dun informe da Policía Local rematou por decidir ao executivo a tomar esta determinación. Tamén o éxito do modelo noutras zonas.

Dende Cambados Zona Centro, consideran que dous meses é demasiado tempo para manter a praza pechada. Así as cousas, recoñecen que a existencia dun informe favorable é un motivo de peso para respaldar esta postura do goberno local. Agora agardan manter un encontro co edil de Tráfico para abordar a posible restruturación dos horarios de carga e descarga na zona.