VILAGARCIA> Gatiños, ghatiñas ou gatíos. As distintas formas de falarmos o galego danse cita, dende hoxe, en Vilagarcía. A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra fai parada na cidade para fomenta-lo galego e as súas variantes dialectais entre os máis pequenos. Os célebres Bolechas son o principal reclamo da actividade.
“Gatiños, ghatiñas, gatíos”, a mostra itinerante da Deputación de Pontevedra, fai dende hoxe parada na comarca do Salnés. A iniciativa, que se enmarca na programación do Ano da Lingua do ente provincial, busca fomenta-lo uso do galego entre os máis pequenos e poñer en valor as distintas variantes dialectais. Unha misión que, neste caso, asumen os Bolechas, unhas personaxes recoñecidas e queridas pola meirande parte dos cativos do país.
A inclusión das variedades dialectais na mostra tamén é un polo de atracción para as familias. A mostra está dividida en 12 espazos que convidan á aprendizaxe, á experimentación coa lingua e, por suposto, á diversión. Os pequenos mesmo poden interpretar cancións ou protagoniza-la súa propia representación teatral. E todo para fomenta-lo uso da lingua entre os nenos. Unha misión, sen dúbida, moi complicada nunha localidade como Vilagarcía, onde o uso da nosa lingua entre as crianzas é practicamente nulo.
“Gatiños, ghatiñas, gatíos” manterá as súas portas abertas en Vilagarcía ata o 26 de xuño. A súa seguinte parada será a comarca do Morrazo.