‘O Chicle’ móstrase colaborador na reconstrución da morte de Diana Quer

POBRA/RIANXO> A primeira das paradas producíase na Pobra, na zona do Areal. Alí foi o último lugar no que viron con vida a Diana. Era polo tanto o punto de partida no que debía iniciarse a reconstrución. Dende primeiras horas da mañá a Garda Civil estableceu un amplo cordón policial no paseo do Areal e nas zonas anexas. A súa intención, evitar que os numerosos medios de comunicación e tamén os curiosos se aproximaran ó punto no que ía desenvolverse a reconstrución. Ó redor das once chegaba a comitiva xudicial e con ela José Enrique Abuín. Dende un primeiro momento o Chicle mostrouse moi colaborador, participando activamente na recreación. Empregáronse varias garrafas, pois na súa declaración aludiu a que ese día atopábase roubando gasóleo nos camións dos feirantes alí estacionados durante as festas. Tamén se utilizou un maniquí para simular o corpo da xoven madrileña. Foron varias horas de reconstrución na zona cero, onde se iniciou todo, na que o xuíz instrutor Félix Isaac Alonso pretendía aclarar as incógnitas que aínda quedan de como o Chicle tivo o seu primeiro encontro con Diana, que aquela hora regresaba a súa casa de veraneo, despois dunha noite de festa no Carmen dos Pincheiros. Ata a zona tamén se achegaron a propia nai de Diana, Diana López Pinel, e a súa irmá Valeria. Visiblemente afectadas querían acceder tamén á zona na que se estaba desenvolvendo a reconstrución, pero non llo permitiron. Si foron recibidas polo capitán da policía xudicial da Garda Civil e un dos principais investigadores do caso, José Ángel Corral, que mantivo con elas un pequeno e emocionado encontro. Momentos máis tarde a ampla comitiva policial e xudicial abandonaba a zona, accedendo á autovía do Barbanza pola entrada norte, o mesmo lugar polo que, ó parecer, o Chicle trasladou no seu vehículo o corpo de Diana ata a nave de Asados. Alí producíase a terceira das paradas, na fábrica abandonada na que apareceu o cadáver da moza madrileña o pasado 31 de decembro. Dúas horas aproximadamente durou a reconstrución e non se limitou unicamente ó interior da nave. Como acontecera xa na inspección ocular realizada o pasado mes de xaneiro tamén se percorreu a zona exterior para recrear os pasos do Chicle a noite na que presuntamente asasinou a Diana.