Ribadumia faise co apoio da Xunta para regularizar o tinto de Barrantes

RIBADUMIA> Ribadumia acaba de dar un paso fundamental para consegui-la regularización da variedade folla redonda: o Concello conseguiu o apoio da Xunta atalla-la situación. O alcalde e o presidente da Mancomunidade do Salnés mantiveron onte á tarde unha xuntanza coa Conselleira do Medio Rural na que abordaron o asunto.

Consegui-la regularización e a comercialización regulada do Tinto do Salnés. Ese é o obxectivo que persigue o goberno local de Ribadumia e que agora conta tamén co respaldo da Xunta de Galicia. O rexedor ribadumiense mailo presidente da Mancomunidade do Salnés mantiveron onte á tarde unha xuntanza coa Conselleira do Medio Rural.

Para o alcalde esta é unha cuestión que nunca se puxo enriba da mesa, pero que precisa dunha folla de ruta para garanti-la supervivencia do tinto de Barrantes. Por diante, queda aínda moito que facer para consegui-los ansiados recoñecementos. Agora, co apoio do goberno galego, iníciase unha nova etapa. O seguinte paso será a creación dunha mesa de traballo.

Trala xuntanza de onte, o PP de Ribadumia lanzou un comunicado no que considera “pouco serias” as referencias feitas polo rexedor a que esta sexa a primeira vez que se solicita a legalización do Tinto do Salnés. Segundo din os populares, só hai que tirar de arquivo para comprobar que a localidade leva décadas reclamándoo.