Mar de Frades convida á ‘Orixe’ de Pazo do Monte

MEIS> Mar de Frades afánase para dar forma ao seu proxecto estrela. Dende que a mercaron no 2017, a finca Pazo do Monte comeza a coller forma tras uns meses intensivos de traballo.

Pazo do Monte é a aposta máis importante que a adega ten en marcha. Aproveitando que o calor aínda non chegou ao Val do Salnés, están volcados na plantación destas 21 hectáreas de terreo, que algún día estarán cubertas de viñedo da variedade albariño.

Con este proxecto ambicioso por diante, Mar de Frades quere facer partícipes desta ilusión aos seus visitantes e a todo aquel que quiera poñer o seu gran de area. Por iso desenvolveron unha novidosa actividade enoturística, bautizada como “Orixe”.

Deste xeito, a adega abre as portas de Pazo do Monte, ofrecendo ao visitante participar dunha actividade non demasiado frecuente.

Non é habitual que unha adega do Salnés teña por diante a plantación de 21 hectáreas de viñedo, pero menos aínda que abra as súas portas ás visitas e que, ademais, lles ofreza participar. Trátase dun produto enoturístico novidoso, que busca diversificar a oferta.

O enoturista poderá participar así do nacemento dunha nova etapa para Pazo do Monte. Un proxecto que aínda está por definir, pero que seguro terá moito que aportar a Mar de Frades.