A ILLA> Ducias de propostas culturais desembarcarán na Illa de Arousa no marco do festival “O mar nunha flor”. A iniciativa comeza o 31 de xullo e prolongarase ata o 4 de agosto, fusionando música, arte e natureza. Un atractivo máis para visitar o concello insular durante o verán.
Entre o 31 de xullo e o 4 de agosto, A Illa de Arousa será un fervedoiro de cultura. O concello acolle a cuarta edición do festival “O mar nunha flor”, iniciativa que mestura música, arte e natureza.
Un obradoiro de fotografía escénica e o concerto dos profesores da escola de música municipal, darán o pistoletazo de saída á programación o 31 de xullo. O mércores 1 de agosto proxectarase o filme “Doghs”, mentres que o día 2 chegará un dos pratos fortes: o concerto de Milladoiro, a cargo do programa Musigal da Deputación.
O sábado 4 de agosto “O mar nunha flor” despedirase cunha homenaxe ao compositor e cantante galego Narf, falecido hai case dous anos. Unha programación completa, organizada polos artistas Uxía e Carlos Blanco.
Espectáculos de títeres e teatro e de maxia, e a exposición de Xurxo Romero, son outras das actividades que forman parte do programa que fará bulir A Illa de Arousa.