O concello de Pontevedra habilitará un aparcadoiro disuasorio para uns 150 coches nas parcelas de Tafisa

Pontevedra>  Segunda reunión do vicerreitor da Universidade no concello de Pontevedra. Nesta ocasión o encontro xa se mantivo directamente co concelleiro de obras e sobre a mesa xa hai novos plans para o campus da cidade. Entre eles que o concello de Pontevedra habilitará un aparcadoiro disuasorio de 150 vehículos nunha das parcelas de Tafisa.

O Concello de Pontevedra habilitará un aparcadoiro disuasorio para uns 150 vehículos nunha das parcelas de Tafisa.Segundo informou Demetrio Gómez, concelleiro de Obras e Mobilidade, esta iniciativa foi abordada no encontro celebrado este xoves co vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto.

O concello acometerá esta obra co propósito de que o aparcadoiro xa estea dispoñible no verán e ata que a Universidade decida recuperar ese espazo para usos académicos construíndo a nova Facultade de Belas Artes.

O vicerreitor Jorge Soto tamén anunciou outra actuación pensada na cidadanía. Trátase de habilitar dous pantaláns e un pañol de material deportivo da Universidade. Estaría na zona do río Lérez detrás da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Trátase dunha actuación lúdica pensada no verán e as vacacións escolares.

Jorge Soto tamén avanzou a intención do novo equipo reitoral de humanizar o campus co propósito de integralo na cidade e achegalo á cidadanía. Para iso recuperan do caixón un vello proxecto para acometer a medio-longo prazo a peonalización da parte central do campus.