Galicia reduce horarios na hostalería e impón un toque de ‘non queda’ para frear a expansión do virus

GALICIA> A Xunta toma medidas para frear a expansión do coronavirus nas datas próximas a Fin de Ano. O goberno galego vai implantar unha serie de restricións para poñer couto ao aumento de casos, que hoxe xa superan a barreira dos 28.000 en todo o país.

A partir das 0:00 horas da noite do 30 ao 31 de decembro e ata o 18 de xaneiro toda a hostalería e restauración terá que pechar á medianoite, agás os venres e sábados que poderá facelo á 1:00 h. No caso dos locais de lecer nocturno, deberán baixar a persiana, como moito, ás 2:00 h.

Nese mesmo período establecerase un toque de ‘non queda’ entre as 2:00 e as 6:00 da madrugada, en palabras do Conselleiro de Sanidade. Julio García Comesaña indicou que si estará permitido transitar pola rúa, polo que non se trataría dun toque de recollida ao uso. O que se pretende, aclarou, é evitar encontros entre non conviventes.

Medidas especias para Noitevella
Para a noite do 31 de decembro, a Xunta deseñou medidas específicas. Toda a hostalería terá que pechar á 1:00 h. Ningún negocio poderá abrir o día 1 de xaneiro antes das 10:00 h para ‘evitar reenganches’.

No caso do ocio nocturno, estase estudando aínda que medida tomar: podería pechar ás 3:00 h ou, se non fose posible, permanecería pechado toda a noite. A medida acordarase esta tarde nunha reunión co sector.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí