POIO> Poio xa ten en marcha a primeira Unidade de Atención Temperá de municipio. Trátase dun servizo gratuíto localizado na Casa Rosada e que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento en menores de seis anos. Xestionado por Cogami, conta cunha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica. O xoves celebrarase unha xornada de portas abertas para informar á veciñanza deste novo equipamento.
A veciñanza de Poio conta cun novo equipamento. Trátase dunha Unidade de Atención Temperá que o concello vén de dispoñer na Casa Rosada. Un servizo gratuíto que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento en menores de seis anos.
Esta unidade está xestionada por Cogami e conta cun equipo composto por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica. Profesionais que traballarán de xeito conxunto coas familias para dar unha mellor vida aos cativos.
Para acceder a este servizo, a familia deberá acudir ao servizo de pediatría do seu centro de saúde e trasladarlle a súa sospeita. O profesional terá que facer un diagnóstico previo e decidirá se é preciso derivar á familia á unidade de atención temperá para comezar a traballar co seu equipo.
O servizo conta cunha axuda de máis de 266.000 euros da Xunta de Galicia e está cofinanciado co fondo Social Europeo. Está previsto celebrar este xoves unha xornada de portas abertas á veciñanza a partires das 6 da tarde para que as familias poidan coñecer este servizo.











