O BNG esixe á Xunta de Galicia novas axudas para o sector do marisqueo

POIO> O BNG pon o foco no marisqueo. Os deputados nacionalistas Rosana Pérez e Luís Bará achegáronse hoxe ata Poio para manter varias reunións con representantes do sector. O obxectivo dos encontros era coñecer de primeira man as súas demandas e atopar solucións ás consecuencias que están a sufrir pola crise da Covid.

A crise da Covid está a afectar gravemente ao marisqueo. Dende o inicio da pandemia rexistrouse unha gran caída na demanda deste sector, algo que levou aparellado unha baixada nos prezos. Ante esta situación, o BNG urxe á Xunta de Galicia a habilitar novas axudas para as agrupacións e confrarías da nosa comunidade.

Esta demanda foi realizada tras as reunións que mantiveron hoxe os deputados Rosana Pérez e Luís Bará xunto con Ameconrra, coas agrupacións de mariscadoras e coas Confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó. Ademais de abordar as consecuencias da Covid-19, nestes encontros falouse tamén dalgunhas demandas históricas na comarca, como a dragaxe do Lérez e o saneamento da ría.

Nas reunións cos diferentes colectivos do sector do mar estivo tamén presente a concelleira Marga Caldas. A voceira municipal do BNG en Poio aproveitou esta visita dos deputados para trasladar tamén as demandas a nivel local.

Os deputados nacionalistas lembraron hoxe o acordo conseguido no Parlamento dentro do seno da Comisión de Pesca. Un acordo grazas ao cal, os fondos non executados da liña de axudas ao marisqueo polo cese de actividade durante o estado de alarma, serán de novo destinados a este mesmo sector. Cabe lembrar que estas subvencións ascendían a 5,2 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí