A apertura do parque acuático de Meis poderíase adiantar a antes do verán de 2019

MEIS> O concello de Meis e a Comunidade de Montes de San Vicente de Nogueira insisten nos beneficios que traerá para a localidade e a comarca o futuro parque acuático que se vai construír nunha antiga canteira. O alcalde meisino apunta que o complexo natural e de ocio vai xerar riqueza e postos de traballo. Tamén fai un chamamento á tranquilidade a aqueles veciños que desconfíen do proxecto porque, segundo salienta, o concello encargarase de supervisalo en todo momento para que non haxa ningún problema.

É un proxecto que gusta ó alcalde de Meis, ós responsables da Comunidade de Montes de San Vicente de Nogueira e a moitos veciños da vila, pero non a todos. Para aqueles que teñan dúbidas, o alcalde quixo hoxe despexar incógnitas e facer un chamamento á calma. Que ninguén se preocupe, dixo o rexedor, porque o Concello encargarase en todo momento de vixila-lo proxecto.

O rexedor non ve problemas, pero si moitos beneficios. Di que o parque acuático xerará riqueza, creará emprego e que, ademais, será máis que respectuoso co medio ambiente. A pesar de que algúns veciños da zona onde se vai ergue-lo complexo acuático non acaban de ver con bos ollos o proxecto, o presidente da Comunidade de Montes cre que vai resultar moi beneficioso. Fai un paralelismo co momento da construción da Autovía do Salnés, que tamén xerara reticencias entre algúns veciños.

O parque acuático de Meis ocupará unha extensión de 70.000 metros cadrados. A empresa encargada da súa xestión pagaralle ós comuneiros un canon anual de 20.000 euros, durante os vindeiros 29 anos. Se todo vai segundo o previsto, o complexo podería abri-las súas portas antes do previsto nun principio: agora estimase que a súa inauguración podería ser antes do verán de 2019.