Sanxenxo iza as súas bandeiras azuis presumindo de ser o municipio español con máis distintivos

SANXENXO> As bandeiras azuis xa ondean nas praias de Sanxenxo. Esta mañá tivo lugar o izado das insignias que recoñecen a calidade de areais da localidade. Este ano, o Concello conseguiu recupera-los distintivos para as praias de Areas e Caneliñas. Ademais, Sanxenxo obtivo ecodistintivos para seis sendeiros azuis, dous máis que o ano pasado.

Sanxenxo presume, un ano máis, de se-lo municipio español con máis bandeiras azuis. A localidade conta neste verán con 13 insignias nos seus areais, despois de que o Concello conseguise recupera-los distintivos para as praias de Areas e Caneliñas.

Manteñen a insignia A Lanzada- O Espiñeiro, Canelas, Montalvo, Silgar, Bascuas, Major, Foxos- Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas- A Lapa, Pragueira, Baltar e Paxariñas.

Esta mañá tivo lugar o acto de izado das bandeiras en Caneliñas e Areas, os dous areais que volven contar co recoñecemento. Para recuperar estes dous distintivos, o Concello tivo que tomar algunha medida concreta. Por exemplo, en Areas resolveuse un problema de verteduras e melloráronse os accesos.

Ademais das 13 praias, Sanxenxo obtivo ecodistintivos para seis sendeiros azuis. Ós catro do ano pasado, hai que sumar o de Paxariñas-Montalvo e o de Areas Punta Festiñanzo. Aproveitando que hoxe o tempo non acompañou para visita-los areais e, moito menos, para darse un baño, o alcalde salientou que a localidade ofrece moitas outros atractivos, alén do turismo de sol. Un deles, dixo Telmo Martín, percorre-los 25 quilómetros de sendeiros litorais sanxenxinos.

Ademais, mantéñense os galardóns do porto deportivo de Sanxenxo, do Centro de Interpretación da Telleira e do Club Naútico de Portonovo.