A agardada posta en servizo do Centro de Día de Cambados, en setembro

CAMBADOS> O Centro de Día de Cambados entrará en funcionamento no vindeiro mes de setembro. A Xunta está a ultima-los preparativos para a posta en marcha deste servizo, que atenderá a 40 persoas. Dende o goberno local celebran, que por fin, o centro de día abra as súas portas.

A apertura do Centro de Día de Cambados agardábase dende había moito tempo e finalmente será no vindeiro mes de setembro cando o servizo se poña en marcha. As instalacións recibirán os primeiros usuarios de xeito escalonado: primeiro 20 persoas e, paseniñamente, outras 20, ata chegar ó tope da súa capacidade. Como no resto de centros de día da Xunta, os beneficiarios poderán proceder dos distintos concellos da contorna.

A xestión do centro foi adxudicada a unha UTE conformada por dúas empresas. A concesión terá unha vixencia de dous anos, prorrogable por outros dous. A construción deste inmoble supuxo un investimento de 800.000 euros, ós que lle hai que sumar outros 70.000 euros para o seu equipamento. Neste caso, o concello puxo o 25%. Esta mañá, o Concelleiro de Servizos Sociais celebraba que, por fin, o centro abrirá as súas portas.

Un dos motivos do retraso na posta en servizo do Centro de Día remóntase ó mes de xaneiro deste ano. Daquela, o primeiro concurso para adxudica-la súa xestión quedara deserto, porque non se presentara ningunha empresa, o que obrigou a reinicia-lo proceso de licitación.