A Festa dos Callos de Meis vence os termómetros con 6.000 racións vendidas

MEIS> A Festa dos Callos de Meis volveu vencer ao calor do verán. Os 33 graos de máxima que se rexistraron en Mosteiro non botaron para atrás aos milleiros de persoas que pasaron polo campo da feira. Un éxito que se reflicte nas cifras que volven ser de record: ata as catro da tarde, a organización despachou máis de seis mil racións de callos.

33 graos de máxima e máis de seis mil racións de callos despachadas. A Festa dos Callos de Meis volveu sacar músculo, demostrando que nin a calor pode quitarlle público.

Xa as 10 da mañá aparecían os primeiros comensais a facer cola. A agarda non se baleirou ata as 4 da tarde, cun ritmo continuo que non deu nin un minuto de descanso a membros da organización e voluntarios.

Baixo a carpa ateigada, milleiros de persoas gozaron das racións de callos que repetiron prezo a seis euros, coa cunca e a cazola de regalo. Moitos escolleron o viño para regar este prato rei en Mosteiro, que para moitos se ten gañado o título de “os mellores callos do mundo”.

Pero que teñen os callos de Meis para gañar esta fama? Moito de tradición, segundo o alcalde. Aínda que tamén segredos que os cociñeiros non teñen pensado facer públicos.

Música e deporte tampouco faltaron a esta cita, que se completou coas xa tradicionais proba de BTT e andaina a primeira hora da mañá.