A PO-308 xa é un bulevar ao seu paso por Portonovo

SANXENXO> O presidente da Xunta visitou os traballos que se están a realizar á altura de Portonovo, coa construción dun bulevar. Beirarrúas máis amplas e reforzo da seguridade viaria para, dixo Alfonso Rueda, un dos concellos turísticos máis importantes de toda España.

Espazos delimitados para peóns, tráfico e aparcadoiro, beirarrúas máis amplas e accesibles, maior seguridade viaria, calmado do tráfico e tres novas glorietas. É a imaxe renovada que presenta a PO-308 ao seu paso por Portonovo, en Sanxenxo.

Este novo bulevar de Portonovo transcorre ao redor dun kilómetro, o que une o mercado e o cruce da Perla. O investimento acadou os 2,3 millóns de euros. Deles, o 70% foi asumido pola Xunta; o 30% restante, polo concello.

Dende a Xunta e o concello puxeron en valor actuacións deste tipo que, aseguraron, contribúen a mellorar a travesía entre O Grove e Pontevedra.

A obra de humanización deste treito da PO-308 supuxo a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais e do alumeado público. Tamén a canalización soterrada para telefonía e electricidade, que substituíu os tendidos aéreos. Ademais, dispúxose unha nova sinalización horizontal e vertical.