Condes de Albarei celebra o seu 30 aniversario cunha carreira popular

VILANOVA> Condes de Albarei celebra o seu 30 aniversario cunha maridaxe gañadora. A adega aposta por combinar viño e deporte nunha carreira popular que o vindeiro 15 de xullo unirá as instalacións de Castrelo, en Cambados, con Pazo Baión, en Vilanova. Agardan congregar a preto de 400 corredores.

Condes de Albarei cumpre 30 anos, e a adega quere celebrar este aniversario apostando por unha maridaxe gañadora. O viño e o deporte uniranse na Carreira Popular que prepara a adega para o vindeiro 15 de xullo.

A carreira comezará en Condes de Albarei e rematará, 13 quilómetros e medio despois en Pazo Baión, en Vilanova. Un percorrido que transcorre pola beira do Umia, poñendo en valor a súa paisaxe.

Neste amplo percorrido, os preto de 400 corredores que a adega agarda convocar pasarán por tres concellos: Cambados, Ribadumia e Vilanova.

A proba dividirase en cinco categorías en función da idade, con tres premios en cada unha delas. As inscricións están abertas ata mañá cun custo de 9 euros, e poden realizarse na web championchipnorte.com. Todos os participantes recibirán unha camiseta e unha botella como agasallo.