Para Carmela Silva o auditorio do Grove é un ‘proxecto modelo’ para outros concellos

O GROVE> Conta atrás para o inicio das obras do Auditorio do Grove: arrancarán no vindeiro mes de setembro. O alcalde meco e a presidenta da Deputación de Pontevedra visitaron hoxe os terreos de Monte da Vila onde se  vai ergue-lo complexo cultural. Carmela Silva considera que este é un proxecto que ten que servir como modelo para outros concellos porque, segundo dixo, ‘democratiza a cultura’.

O Audotirio e a Escola de Música do Grove cada vez están máis preto de seren unha realidade. O proxecto atópase en proceso de licitación. Segundo o goberno local, as obras poderían comezar en setembro.

O complexo cultural meco conta cun orzamento de algo máis de 4.300.000 euros. Dese total, un millón e medio procede do Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra.  Outros 400.000 euros proceden do Plan Concellos, tamén do ente provincial.

Esta mañá, o alcalde da localidade maila presidenta de Deputación pontevedresa visitaron os terreos de Monte da Vila onde está proxectada a infraestrutura. O rexedor meco agradeceu o esforzo do ente provincial para impulsa-lo proxecto, tendo en conta, ademais, que en todo momento –dixo- se seguiron criterios obxectivos para a concesión das partidas. Algo que, segundo engadiu, hai que contrapoñer ó xeito de facer política do anterior goberno da Deputación.

Segundo o rexedor, hai máis de 40 anos que os grovenses reclaman un Auditorio onde poder centraliza-la actividade cultural do municipio. Cacabelos engadiu tamén que o proxecto, que finalmente si vai contar cun ascensor,  suporá tamén unha mellora para toda a contorna.

A presidenta da Deputación de Pontevedra considera que este proxecto é un modelo a seguir para outros concellos porque, segundo dixo, permite democratiza-la cultura. Carmela Silva aproveitou para salienta-lo esforzo que leva feito o ente provincial no Grove nesta lexislatura: a localidade recibiu do organismo provincial case seis millóns de euros.

Silva aproveitou para poñer ó Grove como exemplo de concello que ten claros os seus proxectos e que sabe que modelo de futuro quere para os vindeiros anos.