Nenos e maiores disfrutarán do entroido en Ribeira

RIBEIRA> Ribeira quenta motores para unha das festas con máis tradición no municipio. O entroido deste ano trae un amplo programa de actividades para tódolos públicos no que o Festival de Murgas e Comparsas volve ser a estrela.

Os cativos teñen un peso especial no programa do entroido de Ribeira con actividades como o Enreda, o espazo Concilia, os inchables, o expreso do entroido ou a choqueirada infantil.

Tamén os adultos poderán disfrutar destas celebracións que inclúen un obradoiro de cociña de entroido e un baile na casa do Mar de Corrubedo que se desenvolverá o domingo día 11. Para a mocidade habilitarase unha carpa na avenida do Malecón que a noite do luns estará amenizada por un DJ. Haberá tamén sesións de música na praza de Teruel e no parque García Bayón. O martes, festivo local, terá lugar unha das grandes citas do entroido ribeirense co festival de murgas e comparsas que dará comezo ás seis e media da tarde na praza do concello.

O mércores, o enterro do Felipe pechará as celebracións, Ó igual que nos últimos anos, a hostalería sumarase ó programa de actividades coa celebración dun concurso de disfraces o sábado pola noite.

Durante a fin de semana posterior, o sábado día 17, desenvolverase a ruta de tapas do pequeno entroido.