Máis de catro mil racións repartidas na Exaltación do Berberecho de Noia

NOIA> Éxito de participación nas terceiras xornadas de exaltación do Berberecho de Noia. Na degustación celebrada este domingo repartíronse máis de catro mil racións de arroz e empanada. Os fondos recadados serán doados a Cruz Vermella e Cáritas. A degustación popular de arroz e empanada puxo o broche final ás terceiras xornadas de exaltación do berberecho de Noia. A carpa instalada na alameda abriu as súas portas á unha da tarde, cando xa se acumulaban longas colas para degustar o prezado bivalvo nas súas dúas preparacións. Ningunha das dúas defraudou ós asistentes. En total repartíronse catro mil racións a un euro cada unha. O fin da recadación é solidario posto que se destinará ás asembleas locais da Cruz Vermella e de Cáritas Noia. O bo tempo que acompañou durante toda a xornada así como a animación musical a cargo do grupo folclórico Cherumia fixo que os asistentes alongaran a sobremesa nunha tarde festiva.