Os pontevedreses piden a San Benitiño de Lérez na súa romaría máis popular

Pontevedra>Na xornada de hoxe Pontevedra celebra a súa festa máis popular. San Benitiño congregou no mosteiro de Lérez a centos de devotos que se achegaron a pedirlle ó santo e a recoller o aceite milagreiro, ó que se lle atribúe a curación de verrugas e outras afeccións da pel.

Recoller o aceite bendecido, rodear o altar do santo ou tocar a imaxe do monxe beneditino cun pano son algúns  dos ritos que hai que seguir para que o santo atenda as peticións ou para amosar agradecemento polas xa concedidas.

Moitas son as ofrendas que os devotos traen a San Bieito do Lérez. E para a casa levan o aceite milagreiro, que din que ven moi ben para a pel. Todo sexa por obter do santo algo de axuda.

Centos de persoas se achegaron ó mosteiro de Lérez, que foi un ir e vir de xente dende primeira hora, ca celebración da primeira misa ás 7 da mañá.