Orbil presenta a lectura como revolución nos colexios de Pontevedra

PONTEVEDRA > Con motivo do vixésimo aniversario do Salón do Libro, a súa mascota está a visitar os colexios da Boa Vila para achegarlle a lectura aos máis pequenos. Esta mañá foi o turno do colexio Froebel.

O alumnado do CEIP Froebel de Pontevedra recibiu esta mañá a visita de Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade, con quen compartiron algunhas palabras, apertas e fotos.

Esta cita forma parte das diversas actividades que se promoven dende o Salón, que este ano terá como tema central a lectura como revolución e a lusofonía como cultura convidada. A intención é estimular a reflexión en torno á creación de pequenas utopías, onde a amizade, a convivencia e a tolerancia, xunto coa crítica ao establecido, o compromiso na loita contra as desigualdades e o respecto  á diversidade e a multiculturalidade sexan factores centrais. Ademais, tamén se pretende promover a reflexión e o espírito crítico nas novas xeracións dende os seus inicios.

O Salón celebrarase do 22 de marzo ao 12 de abril no Pazo da Cultura e estará aberto ao público durante todo o día. Ademais, desenvolveranse talleres e actividades destinadas a introducir aos nenos e nenas no mundo da lectura dunha forma amena, lúdica e divertida.

A próxima semana Orbil ten previstas máis visitas nas escolas de Cabanas, na Galiña Azul da Parda e Xeve, entre outras.