PONTEVEDRA> Oito asociacións veciñais de Pontevedra piden ao alcalde que retome as conversas coa Xunta de Galicia para construír a Variante de Alba. Miguel Anxo Fernández Lores recolleu esta demanda e esta mañá xa anunciou que se remitiu o expediente completo do proxecto á actual conselleira de Infraestruturas, María Martínez. O rexedor insistiu na relevancia desta infraestrutura.
Oito asociacións veciñais do norte de Pontevedra reclaman a construción da Variante de Alba. Nunha carta remitida ao alcalde da cidade, insisten na importancia desta infraestrutura.
Asinan a misiva as asociacións de Lérez, O Chedeiro de Cerponzóns, O Carballo dos Campos, O Mirador de Monte Porreiro, A Capela da Devesa, Os Tres Pinos de Santa María de Xeve, O Crabadoiro de Santo Andrés de Xeve e Outeiro do Castro de Verducido.
Fernández Lores explicou que xa solicitou unha reunión á nova conselleira de Infraestruturas para tratar este proxecto. Tamén xa se remitiron o expediente desta Variante de alba, que uniría a PO-531 coa N-550.
O rexedor recordou que o concello ofrecerá toda a colaboración que sexa necesaria para levar adiante esta infraestrutura que sería similar, dixo, ás actuacións feitas na Rolda Leste, no novo acceso a Monte Porreiro polos Campos ou a Avenida Josefina Arruti.











