PONTEVEDRA> Facer fronte ao avance do discurso reaccionario. É o obxectivo que se marca o concello de Pontevedra coa súa nova campaña co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. O lema non deixa lugar a dúbidas: ‘Non van conseguir que o medo nos volva encerrar nas casas’. Para elo, deseñaron unha ampla programación que se estenderá nos vindeiros meses, comezando cunha Primavera Feminista.
‘Non van conseguir que o medo nos volva encerrar nas casas’ é o lema e tamén a advertencia que lanza a campaña do concello de Pontevedra para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
A novidade desta programación é a posta en marcha da ‘Primavera Feminista’, unha iniciativa pensada para que a axenda reivindicativa transcenda o 8 de marzo e se prolongue todo o ano.
Para arrancar, o venres 6 de marzo colgarase a faixa desta campaña no balcón da casa consistorial e darase lectura ao manifesto, que este ano foi elaborado polo alumnado do instituto Frei Martín Sarmiento.
Os días 13 e 14 de marzo celebrarase ‘As mulleres que opinan son perigosas’. En abril haberá unha sesión do club de lectura feminista ‘Sofá violeta’ coa autora Inma López e a súa obra Por que Asunta, e a presentación do libro As mulleres no xornalismo galego, do Colexio Galego de Xornalistas. Tamén volverá a Pontevedra a xornalista Cristina Fallarás. Ela dirixirá no Teatro Principal a palestra ‘Rachando o silencio das violencias’, o día 20 de maio.
O 6 de maio celebrarase o faladoiro ‘Tolas ou rebeldes, control social e represión das mulleres’ e o 3 de xuño será a quenda de Ledicia Costas con ‘A voz escrita das mulleres’. Todas estas actividades e outras que xurdan ao redor do 8 de marzo difundiranse nunha newsletter creada polo concello.











