Catro adegas participan na cuarta edición da Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo

MARÍN> Marín celebrará os viños da Indicación Xoegráfica Protexida Ribeiras do Morrazo. A Alameda do concello acollerá a cuarta edición da festa na que estas elaboracións son as protagonistas. Será do 11 ao 13 de xullo grazas á participación de catro adegas pertencentes a este selo de calidade.

Os viños da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo serán os protagonistas da fin de semana no concello de Marín. A alameda acolle a cuarta edición da festa dedicada ás elaboracións desta IXP.

Será unha oportunidade única para coñecer os viños das catro adegas que participan na cita. Son a Adega de Ardán, de Marín, Os Areeiros de Vilaboa, Reboraina de Redondela e Bodegas Costas, de Moaña.

Dende as adegas destacan a importancia desta cita, que supón un gran impulso para dar a coñecer o traballo que realizan no marco deste selo de calidade. Cuns viños que, aseguran, gañan cada vez máis popularidade en diferentes mercados.

Ademais das catro adegas participantes na feira, forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo Videiras no Mar, de Cangas, e a adega do Mosteiro de Poio, que este ano non poderán asistir á cita.