Pontevedra supera a proba do tríatlon coa mirada posta no Mundial do 2019

PONTEVEDRA> Gustavo Rodríguez cumpriu cos prognósticos e acabou proclamándose campión de España no Campionato de Triatlón de Longa Distancia celebrado nesta fin de semana en Pontevedra. A cita serviu como proba do Mundial que a cidade do Lérez vai acoller no 2019.

Dende terra, o esforzo dos deportistas. Dende o aire, a beleza dunha cidade que superou a proba. Pontevedra acolleu neste fin de semana o Campionato de España de Triatlón de Longa Distancia como test previo ó Mundial que se disputará na Boa Vila no 2019.

Na xornada do sábado, a vitoria quedou na casa. O pontevedrés Gustavo Rodríguez cumpriu cos prognósticos e acabou proclamándose campión de España, confirmándose xa como un dos mellores triatletas de longa distancia a nivel estatal.

Tras un sector de natación onde o de Tui saía no grupo de cabeceira, chegou a bicicleta -o sector onde máis destaca- colocándose de xeito rápido á cabeza. Completou o percorrido en 5 horas, 47 minutos e 47 segundos.

Na categoría feminina a gañadora foi Ana Noguera. A pontevedresa Saleta Castro tivo que conformarse coa segunda praza, completando o circuíto en 6 horas, 34 minutos e 36 segundos.

Onte, a santanderina Aída García, doTriatlón Rías Baixas de Poio, proclamouse ganadora del Triatlón Cross Concello de Pontevedra, que era ademais unha proba da Copa de España de Triatlón Cross y campionato galego. Na categoría masculina foi Sergio García o que venceu na proba da Copa.

Os 300 atletas que participaron no evento durante esta fin de semana tiveron que facerlle fronte a 3 quilómetros a nado polo Lérez, 116 quilómetros en bicicleta e 30 quilómetros a pé.

E todo con temperaturas bastante elevadas e, por momentos, fortes refachos de vento. Así as cousas, todo saíu como se agardaba. Dende o Concello celebran o impecable desenvolvemento do campionato e agradecen a colaboración dos veciños polas molestias que a competición ocasionou durante a fin de semana en varias zonas da cidade, tendo en conta a complexa organización loxística do evento.

A proba serviu tamén como antesala do que aínda está por vir. A cidade acollerá no 2019 o Mundial Multideporte, que traerá á capital do Lérez cinco probas desta modalidade. Para o goberno local, son poucas as cidades que poden celebrar este tipo de eventos. Así que tralo éxito desta fin de semana, agora toca inicia-la conta atrás para o Mundial. Disputarase en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio do ano vindeiro.