O Concello manifesta o seu apoio “institucional e incondicional” á titulación de Deseño e Creación

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra quere que a titulación de Deseño e Creación se desenvolva no Campus da cidade. Por iso, alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión coa directora da Esdemga e co decano-comisario da nova titulación para manifestarlles o seu apoio institucional e incondicional.

O Concello de Pontevedra e o Reitorado da Universidade están de acordo en que o Campus da cidade acolla o grao de Deseño e Creación. Por iso, para facelo realidade, o alcalde reuniuse esta mañá co decano comisario da nova titulación e coa directora da Esdemga para manifestarlles todo o seu apoio.

Esta titulación foi aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2017. Sen embargo, tras un aprazamento o ano pasado, a facultade de Belas Artes encóntrase na actualidade na última fase de tramitación para que o novo grao sexa unha realidade no curso 2020-2021.

A intención por parte do Reitorado é que as 2 titulacións compartan espazo, provisionalmente, na Facultade de Belas Artes. O problema estaría entón no número de prazas.

Dende o Reitorado aseguran que van a traballar para que non se perdan prazas en ningunha outra titulación xa que están convencidos, e as últimas matriculacións o demostran, de que a demanda, tanto en Belas Artes como en Deseño e Creación é altísima.

Actualmente, en España soamente 5 universidades públicas ofrecen a titulación de Deseño e Creación. O que demostra a pouca oferta que hai no noso país. Ademais, no caso de que esta nova titulación se levase a cabo, esta contemplaría dúas mencións: unha en deseño en moda, e outra en deseño gráfico multimedia. O alcalde tamén quixo aclarar esta mañá que o problema non é que haxa unha falta de espazo. E recordou que o Concello de Pontevedra ten a disposición da Universidade unha parcela de 1.000 metros, situada fronte ao Campus, e que podería albergar no futuro as titulacións de Belas Artes e de Deseño e Creación.