Os gandeiros denuncian os continuos impagos e a falta de subvencións por parte da Xunta

PONTEVEDRA> O sindicato Unións Agrarias denunciou esta mañá os continuos impagos que están sufrindo os gandeiros de toda Galicia. Unha situación ocasionada polas débedas contraídas por parte dos primeiros compradores e que ascende xa aos catro millóns de euros.

Os gandeiros de Pontevedra están ao límite. UGT denunciou esta mañá os impagos graves e reiterados que están sufrindo por parte dos primeiros compradores de leite. Dende o sindicato aseguran que moitos destes intermediarios traballan como falsos autónomos e cifran a débeda actual en catro millóns de euros. Por iso, o que piden é ou que se estableza un aval, ou que a empresa a que lle venden a leite estes mediadores se faga responsable.

Dende o sector gandeiro denuncian tamén o retraso da Xunta de Galicia no pagamento das axudas europeas vinculadas aos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural.

O sindicato lamenta tamén o cambio de criterio da Axencia Tributaria ao considerar estas subvencións como ordinarias, cando dende UGT aseguran que son de capital, xa que levan implícitas unha inversión.

Os responsables de gandería piden a Xunta de Galicia que tome as medidas oportunas para solucionar este problema que afecta a milleiros de gandeiros na nosa comunidade.