Rubén González gaña de novo o “De Tapas por Galicia” cun petisco de vieira afumada

Pontevedra> O cociñeiro pontevedrés Rubén González é o autor do mellor petisco de Galicia. Así o decidiron tanto o xurado profesional coma o xurado popular no certame gastronómico “De Tapas por Galicia”, que celebrou a pasada noite en Santiago a súa cuarta gala.

Rubén González, de “El Cafetín” en Pontevedra, foi nomeado de novo o mellor cociñeiro de Tapas por Galicia. É a segunda vez que o pontevedrés se fai con este galardón gastronómico. Este ano, ademais, foi recoñecido polo Xurado Popular, conformado por un cento de asistentes, entre os que se atopaban expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros gastronómicos.

Sabores tradicionais traballados de xeito innovador foron as propostas presentadas ó Show Cooking De Tapas por Galicia. O certame pretende amosar o mellor da cociña de vangarda de pequeno formato da comunidade galega, coma un dos valores a potenciar dentro do plan de turismo enogastronómico, que permite desestacionalizar e complementar experiencias de turismo urbano, rural ou cultural.

A gala reuniu ós chefs gañadores dos concursos de tapas celebrados nas sete cidades galegas no 2017.  Rubén González acadou o premio grazas ó seu pincho de “vieira afumada carballo-loureiro sobre arroz de algas”. Tanto o produto coma a creatividade e destreza na execución foron as claves para facerse co galardón.

A tapa gañadora poderá degustarse en “El Cafetín” entre o xoves e o domingo, e manterase dentro da oferta da súa gastroteca en vindeiros fins de semana mentres haxa demanda.