A Deputación reparte as áreas de goberno baseándose no medio ambiente, na igualdade e na cultura

PONTEVEDRA> A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra presentaron esta mañá a nova composición do goberno provincial. Carmela Silva e César Mosquera aseguraron que para este reparto tiveron en conta os catro obxectivos principais do novo mandato: a transición ecolóxica, a igualdade, os dereitos e a cultura.

Os obxectivos do novo goberno da Deputación de Pontevedra xa están marcados. Transición ecolóxica e medio ambiente, igualdade, dereitos e cultura. 4 eidos fundamentais a partires dos cales se repartiron todas as áreas de goberno.

A Deputación quere formar un goberno único e potente e para iso repartiu todas as áreas tendo en conta os perfís profesionais dos deputados. Polo PSOE, Santos Héctor farase cargo da Cooperación e da Asistencia Intermunicipal, Noemí Outeda será a responsable do Centro Príncipe Felipe, das Escolas de Enfermería e de Cantería; María Victoria Alonso levará Cultura; Manuel González, a Finca de Mouriscade, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Caan. Cohesión Social pasará a Olga Ballesteros; Xuventude e Igualdade a Ana Laura Iglesias; e Deportes a Gorka Gómez. Isaura Abelairas continuará ao fronte de Igualdade e Carlos López Font de Réxime Interior, Economía, Facenda, Novas Tecnoloxías e o ORAL. O concelleiro de Poio, Gregorio Agís será o responsable da área de Infraestruturas, mentres que Iria Lamas dedicarase a Proxectos Europeos, Arquitectura e Transición Ecolóxica e Medio Ambiente. Por último, Raquel Giráldes encargarase da Promoción Económica e  do Emprego.

En canto ao BNG, César Mosquera será o responsable do Museo de Pontevedra e da compostaxe, co Plan Revitaliza; María Ortega encargarase do Patrimonio, da Memoria Histórica, da Normalización e Servizos Lingüístico e do Arquivo. Por último, Uxío Benítez ocuparase da Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos e da Cooperación Transfronteriza.

Na rolda de prensa, o vicepresidente da Deputación fixo fincapé na importancia de transferir competencias á Xunta de Galicia e deixou unha mensaxe para os deputados do Partido Popular.

Este novo equipo quedará constituído o vindeiro martes co Pleno Organizativo, que se celebrará ás 12:00 horas no Pazo Provincial.