Cambados limita en 5.000 persoas o aforo de Fefiñáns nos concertos do Albariño

CAMBADOS> A praza de Fefiñáns terá aforo limitado durante os grandes concertos da Festa do Albariño de Cambados. A intención é que no espazo haxa, como máximo, 5.000 persoas. Tamén estará prohibida a entrada de vidro. Esta é unha das novidades máis chamativas do dispositivo de seguridade que porá en marcha o concello para a festa.

O concello de Cambados limitará o aforo da praza de Fefiñáns durante os grandes concertos da Festa do Albariño. O goberno local decidiu controlar a contía de xente que se reúne no espazo nas actuacións do venres e o sábado, cun máximo de 5.000 persoas. Tamén estará prohibida a entrada de vidro.

Esta medida é a novidade máis chamativa que inclúe o dispositivo de seguridade que está a ultimar o goberno local para a festa. Para poder realizar este control, só se deixarán abertos un acceso á praza e unha vía de saída.

Na reunión da xunta de seguridade da Festa do Albariño sentaron á mesa representantes dos diferentes corpos de emerxencias que estarán implicados na organización para garantir que todo transcorra sen sorpresas. Respecto de anos anteriores, incluiranse outras novidades, ademais do xa anunciado punto morado contra as agresións sexuais.

O concello volverá solicitar a colaboración doutros municipios. De feito, agardan poder reforzar a Policía Local con efectivos chegados de Vigo, como en anos anteriores. Tamén terán todo o respaldo da Subdelegación do Goberno.

A Festa do Albariño é a celebración máis agardada polos cambadeses, e durante catro días reúne na vila a milleiros de persoas chegadas de diferentes puntos da xeografía galega e española. Este ano, a cita arrincará o 1 de agosto.