Música para tódolos “Paseantes” nas rúas de Pontevedra

Pontevedra> A música será a protagonista nas rúas de Pontevedra os vindeiros 27 e 28 de xullo. Unha nova edición de “Paseantes” sorprenderá a pontevedreses e visitantes con actuacións durante toda a xornada en distintas localizacións da cidade, que abranguerán estilos que van dende a música tradicional á electrónica.

As rúas da Boa Vila encheranse de música o vindeiro fin de semana. Durante as xornadas do venres 27 e o sábado 28, un total de 14 grupos actuarán para os paseantes que desfruten de Pontevedra. Serán todos eles galegos. Maioritariamente pontevedreses e tamén na súa maior parte mulleres.

As actuacións presentarán propostas musicais do máis variado: música tradicional, pop, rock, folk, blues, swing, hip hop ou electrónica. Terán lugar nas prazas de José Martí, San José, Curros Enríquez, a Verdura, Ourense e Teucro; na Glorieta de Compostela e no Teatro Principal.

A proposta musical, que celebra a súa cuarta edición, complementa outras actividades en marcha nestes momentos polas rúas da cidade, coma son os Bolos do Local ou as festas de Santiaguiño.