PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra denuncia a confusión xerada polos novos sinais que regulan o aparcadoiro nas rúas da contorna da praza de abastos. Ata o de agora, a pesares de ser unha zona reservada a servizos, os vehículos podían quedar estacionados fóra do horario establecido. Agora só se permiten paradas dun máximo de 15 minutos entre as 8 da mañá e as 9 da noite. Dende o concello explican que se busca evitar as festas improvisadas que se montaban polas noites. Os socialistas critican que o cambio non se anunciara previamente e que os novos sinais, din, non son claros. Na fin de semana impuxéronse xa unha vintena de multas.
Un sinal coma este regulaba ata hai pouco o aparcadoiro na contorna da praza de abastos de Pontevedra. Aínda que reservaba o espazo para servizos no horario establecido, permitindo parar 15 minutos, fóra desta franxa os vehículos podían estacionar libremente.
Hai uns días, o concello mudou estes sinais por estes outros. Agora, tan só se permiten paradas dun máximo de 15 minutos entre as 8 da mañá e as 9 da noite. Fóra deste horario, está prohibido estacionar.
Estes novos sinais están na rúa Serra, en Valentín García Escudero e en Julio Camba. Os socialistas critican tamén que non se informara aos veciños do cambio. E aseguran que na fin de semana xa se puxeron unha vintena de multas.
Segundo o goberno local, a medida tomouse a petición veciñal xa que tralo peche dos locais de ocio nocturno, algúns trasladaban a festa a este punto, poñendo música nos coches aparcados a altas horas da madrugada. Explicación que non convence ao PSOE.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou o Partido Popular. Para Rafa Domínguez, o conveniente sería reforzar a presenza policial para atallar estas festas, e cualificou de ridícula a decisión de modificar os sinais de estacionamento.











