Lores concreta con Feijoó os compromisos da Xunta con Pontevedra

Pontevedra> O encontro mantido esta mañá entre o presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra serviu para facer un repaso dos compromisos coa cidade por parte do goberno autonómico, entre os que destacan o Gran Montecelo, a residencia de maiores ou a variante de Alba. Fernández Lores valorou positivamente a conversa, xa que serviu para concretar os proxectos en marcha na Boa Vila.

O alcalde de Pontevedra fixo unha valoración positiva da reunión mantida esta mañá con Núñez Feijoó, na que repasaron os proxectos en marcha ou previstos para a cidade, que a Xunta cifra nuns 200 millóns de euros.

A maioría dos asuntos tratados tiveron que ver coas infraestruturas. Con respecto ó Gran Montecelo, a Xunta está coa tramitación do plan sectorial e a previsión é contratar a obra antes de que remate o 2019.

Unha vez rematado o Gran Montecelo, o hospital provincial podería ser destinado á nova residencia xeriátrica, con 120 prazas públicas. Esta é unha das opcións que se manexan en relación ó prometido centro de maiores. Tamén se contempla a posibilidade de reabrir o antigo asilo de anciáns.

No que respecta á variante de Alba, levarase a cabo finalmente unha proposta máis próxima á cidade, diferente á feita no seu momento polo concello. Queda tan só a autorización de Fomento para enlazar coa N-550.

En canto á intervención na PO-225 á altura de San Caetano para mellorar a seguridade viaria, a Xunta ten proxectada unha senda peonil, que presentou o pasado venres.

Tamén se falou na reunión da estación intermodal, para a que se firmará un convenio co fin de licitala de maneira inmediata, e para a que o concello aportará medio millón de euros máis do previsto inicialmente.

Tampouco faltou na conversa o saneamento da ría e a depuradora de Praceres. Lores reiterou a postura do Concello de que non é necesaria unha ampliación senón unha mellora da tecnoloxía da planta.

Outro tema de conversa foron as obras xa avanzadas do edificio dos novos xulgados e na antiga sede da Xunta en Benito Corbal, que deberían estar rematadas nos vindeiros meses.