Suspendido o pleno de Boiro tralo abandono da oposición polo conflito do gas

BOIRO> Unha manifestación que percorreu o casco urbano de Boiro ata a praza do concello precedeu ó pleno ordinario previsto para a pasada tarde que finalmente acabou sendo suspendido. Malia que as mocións sobre a instalación dos depósitos de gas no Corrillo ían case ó final da orde do día, o alcalde accedeu a que se debateran nada máis comezar a sesión. Tomaron a palabra os grupos da oposición. Sen embargo, o alcalde non autorizou a intervención dunha portavoz dos afectados. Ante a negativa, os grupos da oposición decidiron abandonar o pleno polo que o alcalde optou por suspender a sesión. Mentres tanto, no exterior da casa consistorial, os afectados criticaron a actitude do equipo de goberno por non dar resposta ás demandas veciñais. Segundo a plataforma, a Xunta suspendeu de xeito a autorización administrativa para a colocación dos depósitos, ante as queixas formuladas polos veciños ante a incompatibilidade co PXOM. Algo do que o executivo asegurou non ter constancia. Pola súa banda, o goberno volveu defender a viavilidade do proxecto asegurando que se trata dunha instalación provisional que conta con tódalas medidas de seguridade. A este respecto o alcalde explicou que existen edificios privados e centros públicos, como colexios ou o hospital comarcal, que contan con este tipo de depósitos. Insisten en que a postura da oposición ten por obxecto confundir e manipular á opinión pública cun claro interese electoralista.