BARBANZA> O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma a pena a prisión permanente revisable para o Chicle polo asasinato de Diana Quer. Desestima así o recurso presentado pola defensa que pedía a anulación do xuízo por presuntas irregularidade e vulneración dos dereitos do acusado.
A sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado pola defensa de José Enrique Abuín ‘O Chicle’ contra a sentenza ditada en decembro pola Audiencia Provincial da Coruña que o condenaba a prisión permanente revisable e dez anos de liberdade vixiada polo asasinato con aleivosía de Diana Quer.
O tribunal subliña que non existe dúbida da realidade duns feitos que foron debidamente acreditados na sentenza de primeira instancia como o móbil sexual do secuestro ó descartarse a tese de que a vítima foi fora trasladada sen vida á nave de Asados onde apareceu o corpo.
Os maxistrados do superior insisten en que non se trata dunha condena arbitraria nin se vulnera o dereito á presunción de inocencia, tal e como facía constar a defensa no recurso, posto que os feitos fíxanse sobre a base da proba indiciaria. Na súa resolución indican tamén que non existen datos obxectivos que apunten á parcialidade do xurado do que a defensa afirmou que estaba condicionado pola presión mediática do caso.
De igual modo, cuestionaba a obxectividade dos médicos forenses, dos axentes da Garda Civil e dos peritos informáticos; algo que o tribunal descarta tanto agora como anteriormente posto que estas cuestións xa foron resoltas nun auto previo que non foi recorrido.