A hostalería pobrense terá a súa propia campaña este Nadal

POBRA> A iniciativa parte da Asociación de Empresarios e do propio concello e nela participarán uns 31 establecementos da localidade. A campaña desenvolverase do 26 ó 7 de xaneiro. Esta mañá presentábase no concello pobrense a campaña de Nadal da hostalería local que se desenvolverá do 26 ó 7 de xaneiro. Trátase dunha iniciativa promovida pola Asociación de Empresarios da localidade en colaboración co propio concello, que busca a promoción deste sector, un pouco esquecido das tradicionais campañas que se desenvolven por estas datas. Os clientes que se acheguen estes días polos bares da Pobra recibirán unhas rifas por cada consumición coas que, unha vez cubertas, poderán participar nun sorteo de premios. En total 21 vales de compra por valor de 50 euros. Dende a propia patronal pobrense destacaron a alta participación na campaña, xa que son uns 31 establecementos os que decidiron adherirse á mesma. O sorteo dos premios está previsto para o vindeiro 8 de xaneiro nos Xardíns de Valle-Inclán.