Cambados aposta pola reciclaxe do vidro para facer do Albariño unha festa sostible

CAMBADOS> Cambados mantén a súa aposta para facer do Albariño unha festa sostible. O concello reeditou o convenio asinado o ano pasado con Ecovidro e a Xunta de Galicia, para fomentar a reciclaxe das toneladas de vidro que se producen durante os cinco días de celebracións. O ano pasado recicláronse case 14 toneladas das preto de 30 producidas, e este ano reforzarase o dispositivo.

Cambados reforzará o dispositivo de recollida de vidro para esta Festa do Albariño. O concello reeditou o convenio asinado con Ecovidro e a Xunta de Galicia, para facer da celebración unha cita sostible.

Deste xeito, aumentaranse os dez colectores que se instalaron o ano pasado. Ademais dos dous equipos de ecopatrullas que reforzarán a recollida do vidro, tamén haberá outros tantos de asesores medioambientais para informar e concienciar.

O concello tamén reforzará o dispositivo durante a noite, con operarios que se encargarán da recollida. O ano pasado recicláronse case 14 toneladas de vidro; unha medida que mellora tamén a seguridade.

Nesta aposta pola reciclaxe, Cambados fixarase tamén no cartón. O concello pedirá a colaboración dos adegueiros para facilitar a recollida, colocando seis colectores na zona da festa.