Vilaxoán celebra o anuncio de ampliación da sala de espera do consultorio que permitirá reabrilo

VILAGARCÍA> Colectivos e veciños de Vilaxoán celebran o anuncio de reapertura do consultorio da localidade, unha vez se amplíe a súa sala de espera. O espazo non garante as medidas de seguridade da covid. En 15 días, os técnicos van visita-las instalacións para confirmar que esa reforma é viable. As entidades que levan meses loitando por este servizo advirten que permancerán vixilantes.

Os veciños de Vilaxoán reciben con optimismo pero tamén con cautela e excepticismo o compromiso da Xerencia da área sanitaria de amplia-la sala de espera do consultorio da localidade. Esa medida permitiría a súa reapertura, garantindo a seguridade fronte a covid dos usuarios. Nun par de semanas, os técnicos van visita-las instalacións para facer unha valoración. Os veciños, advirten que permanecerán vixilantes.

Os colectivos veciñais insisten na necesidade de contar con atención primaria na localidade. Deste servizo, explican, depende que non pechen outros.

Hoxe, entre os colectivos sociais de Vilaxoán non se falaba doutra cousa. Despois de moito tempo loitando polo consultorio, semella que comezan a ve-la luz ao final do túnel. A veciñanza tamén celebra que, en breve, estas instalacións volvan funcionar.

Antes da pandemia, a sala de espera destas instalacións tiñan capacidade para unhas 15 ou 20 persoas. Coa covid, a capacidade redúcese a dous doentes, un problema que, se todo sae segundo o previsto, pasará á historia en breve.