O Concello de Vilagarcía di que falou do polémico semáforo no Consello de Administración da Autoridade Portuaria

VILAGARCÍA> O alcalde de Vilagarcía respondeu hoxe ás acusacións lanzadas onte pola presidenta da Autoriade Portuaria. Segundo Alberto Varela, a petición para instalar un semáforo nun vial de titularidade do Porto tratouse no pasado mes de xuño, nunha xuntanza do consello de administración do ente portuario. O rexedor di estar xa acostumado ás saídas de ton de Sagrario Franco.

Di o alcalde que en Ravella xa están acostumados ás que cualifica de ‘saídas de ton’ da presidenta da Autoridade Portuaria. A polémica naceu por un semáforo que o Concello quere instalar neste paso de peóns, situado nunha vía de titularidade municipal. Para Alberto Varela, esta é unha petición veciñal que, segundo di, leva meses enriba da mesa. Esa xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía tivo lugar no pasado mes de xuño. Segundo di o alcalde, esa petición da instalación do semáforo aparece recollida por escrito na acta. Ravella responde así ás acusacións que onte lanzaba Sagrario Franco, asegurando que o Concello non presentara ningún documento formulando esa cuestión. Agora, o alcalde agarda que o ente portuario recapacite e que lle dea luz verde á petición municipal. Ademais, a menos dun ano para as eleccións municipais, o rexedor agarda que a autoridade portuaria non se acabe convertendo no altofalante da oposición.

O alcalde entende que os problemas de tráfico non son de agora, tal como di a presidenta da Autoridade Portuaria, senón que veñen de vello. O alcalde indica que algúns deses atascos veñen provocados, por exemplo, pola entrada e saída de vehículos dun establecemento de comida rápida nunha concesaión portuaria. Indica que Sagrario Franco non é a persoa máis axeitada para falar de cortesía institucional, lembrando por exemplo un encontro celebrado hai uns meses entre varias administracións portuarias e os seus respectivos municipios. Segundo Ravella, nesa xuntanza Sagrario Franco pediu expresamente excluír ó Concello.