Información e hixiene, as armas do Salnés contra o coronavirus

SALNÉS> Un veciño de Meis é o primeiro caso de infección por coronavirus en Arousa. Trátase dun transportista de 45 anos que está ingresado no Hospital Montecelo onde permanece illado en planta e estable. Dende o concello meisino lanzan unha mensaxe de tranquilidade. Así as cousas, a detección deste caso e a incidencia da infección a nivel estatal xa fixo que algúns municipios da contorna comecen a aplicar medidas de prevención.

Un transportista de 45 anos e veciño de Meis é o primeiro caso de infección por coronavirus en Arousa. O home está ingresado no Hospital Montecelo e estable, pero a nova causou unha forte preocupación no municipio. Hoxe a alcaldesa quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade.

Ademais, o concello está a adoptar algunhas das medidas recomendadas para a prevención das infeccións. Instalará dispensadores de xel desinfectante e repartirá información nos centros educativos.

Estas medidas tamén están en marcha no concello de Cambados. O goberno local está a traballar na elaboración de folletos informativos para distribuír nos colexios e xa instalou dispensadores nos edificios públicos para facilitar a hixiene e desinfección.

O executivo asegura que está en contacto coa Consellería de Sanidade para abordar os pasos a tomar segundo aumentan os contaxios. Ademais, xa se puxeron en contacto cunha empresa informática para facilitar o teletraballos se fora necesario.

Outros concellos, como O Grove ou Meaño, tamén están a preparar guías e follas informativas para repartir entre os centros educativos e os edificios públicos.

Ademais, todos insisten en que no caso de que algún veciño presente síntomas que coincidan coa infección por coronavirus, contacten co 061 en lugar de acudir aos centros de saúde ou hospitais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí