PONTEVEDRA> O vicepresidente da Xunta de Galicia en funcións visitou esta mañá Pontevedra para asinar a acta da segunda fase de rehabilitación do edificio de Benito Corbal. Unhas obras que ascenden a 825.000 euros e coas que se reformarán as últimas plantas do edificio administrativo.
Alfonso Rueda asinou esta mañá en Pontevedra a acta do replanteo das obras da 2ª fase de rehabilitación integral deste edificio. Uns traballos que se poñerán en marcha a vindeira semana e que se centrarán no acondicionamento das catro últimas plantas.
A Universidade de Vigo ocupará da quinta á sétima planta. A última será destinada á Fundación Manuel Moldes co obxectivo de que se converta nunha referencia cultural na cidade.
Na planta da Fundación Manuel Moldes haberá unha exposición permanente do pintor. Aínda que a intención deste colectivo é que participen tamén outras asociacións.
Estas obras teñen un orzamento de 825.000 euros e o obxectivo da Xunta de Galicia é que estean finalizadas no primeiro trimestre do 2021.