Os veciños de Praceres reclaman novamente o soterramento do tren

Pontevedra> Os veciños de Os Praceres solicitan novamente o cumprimento da sentenza que ilegaliza os pasos a nivel do barrio. Para iso, remitiron un requirimento ó Tribunal Superior de Xustiza de Madrid para que obrigue ó Ministerio de Fomento a executar a sentenza que emitiu en 2004 e que foi posteriormente confirmada polo Tribunal Supremo.

Hai 14 anos que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ordenou eliminar os tres pasos a nivel da praza da igrexa de Lourizán. A Plataforma Defensora da Praza de Os Praceres remitiu un escrito ó tribunal, para que inste ó Ministerio de Fomento a cumprir a sentenza que o propio tribunal emitiu e que posteriormente foi confirmada polo Supremo.

Os veciños denuncian que non se ten dado ningún paso para a supresión dos pasos a nivel, e que lonxe de propor unha solución, a administración segue a dar voltas para non executar as obras necesarias.

O colectivo veciñal, ante a falta de resposta por parte do ministerio, solicita que se lles permita a eles mesmo realizar as obras de maneira subsidiaria.

O requirimento presentado polos veciños de Os Praceres resposta ó informe da Secretaría Xeral de Infraestruturas, dependente de Fomento, que propón soterrar vehículos e peóns, e que eles consideran inviable, xa que multiplicaría, como mínimo, por catro, o custo de soterrar o tren.