Cambados brinda polo Albariño con 35.000 cataviños

CAMBADOS> Trala intervención da pregoeira, as autoridades tomaron o relevo. Ao son das gaitas enfrontaron o Paseo da Calzada e, tralo tradicional corte de cinta, dispuxéronse a brindar por unha Festa do Albariño que non parece que vaia decepcionar a ninguén.

Se dende o sector reciben esta edición número 66 da Festa do Albariño cos brazos abertos, non o fan menos dende o concello de Cambados. A vila prepárase para acoller unha afluenza de visitantes que confirman o éxito desta celebración e o poder de atracción do viño albariño. Tanto é así que semella imposible que o vindeiro ano non presuma do selo de interese turístico internacional.

A Conselleira do Medio Rural tampouco faltou á inauguración desta cita. A Festa do Albariño reunirá a milleiros de persoas en Cambados durante os cinco días que dura a celebración; un escaparate insuperable para os Rías Baixas.

Ademais dos tradicionais brindes nas casetas das tres grandes cooperativas do Salnés, un dos stands do Paseo da Calzada que chamou máis a atención das autoridades foi o que ocupa o punto morado da festa. Trátase dun espazo no que as mulleres que sexan vítimas dalgún tipo de agresión sexual poden atopar axuda e asesoramento.

Trala inauguración, a festa non rematará en Cambados ata o mediodía do domingo. Mentres, milleiros de litros dos mellores albariños regarán unha celebración que todo o mundo agarda transcorra con moito viño pero sempre con sentidiño.