Entregan máis de mil sinaturas contra o sentido único na Rúa Castelao de Aguiño

RIBEIRA> O voceiro do PBBI acompañado por un grupo de veciños afectados entregou esta mañá no rexistro do concello de Ribeira as sinaturas recollidas en contra da reforma da rúa Castelao que dotará a vía dun único sentido.

En total foron 1055 sinaturas as recollidas polos veciños que, se ben non se opoñen a remodelación da rúa, entenden que presenta o ancho suficiente para manter ámbolos dous sentidos de circulación.

Propoñen que o carril bici discorra pola zona exterior, do paseo, para evitar a súa interferencia na zona de tránsito rodado e nas entradas e saídas dos garaxes.

Ademais dos inconvenientes ós residentes nesta zona, os veciños alertan dos prexuízos que pode supoñer esta limitación do tráfico nunha das principais arterias de circulación da parroquia para as numerosas empresas que alí operan.

De non ter resultado con esta campaña de recollida de sinaturas, os veciños non descartan o iniciar mobilizacións para que o concello teña en conta as súas demandas no proxecto de remodelación da fachada marítima de Aguiño.