A Fanpa pon en marcha os comedores escolares e o Plan Madruga en 18 centros pontevedreses

PONTEVEDRA> Os comedores escolares volveron hoxe a súa actividade. Tras meses de inquedanzas e de moitas dúbidas arredor do seu funcionamento, a Fanpa puxo hoxe en marcha o servizo en 18 centros pontevedreses. Faino, como non podía ser doutro xeito, con estritos protocolos de seguridade.

Os comedores escolares e o Plan Madruga reactivaron hoxe a súa actividade. Uns servizos xestionados pola Fanpa e que estiveron a piques de cancelarse pola crise da Covid. Finalmente, a federacións de nais e pais conseguiu asinar un protocolo para dar servizo a 18 centros pontevedreses.

O protocolo antiCovid implantado nestes comedores obriga a algúns colexios a dobrar a quenda de comida. É o caso do Álvarez Limeses, do Vidal Portela, do Vilaverde e do CEP Campolongo. Ademais, o uso da máscara é obrigatorio e trátase de manter os grupos burbulla de cada clase.

Todas as medidas implantadas neste curso escolar encarecen inevitablemente os prezos. Este ano, acudir ao comedor os cinco días da semana terá un custe de 83,55 euros ao mes.

Nos vindeiros días, a Fanpa irá analizando a situación de cada centro, axustando as medidas de forma dinámica e reforzando o persoal en función das necesidades do servizo.