A RAG creará este ano un mapa de toponimia de Galicia e un dicionario dos nomes galegos

PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 19 de outubro a celebración da IV Xornada de Onomástica Galega. Un evento organizado pola Real Academia Galega e no que 14 especialistas profundarán no sistema de conformación dos nomes de rúas. Ademais, neste acto amosaranse experiencias didácticas arredor da toponimia urbana e presentarase unha proposta de modelo para as novas denominacións.

Nomes de rúas nos centros urbanos de Galicia. Ese será o tema principal da IV Xornada de Onomástica Galega. Unha xornada que se levará a cabo o vindeiro 19 de outubro no Museo de Pontevedra e polo que pasarán un total de 14 especialistas. Todos eles debaterán sobre o compoñente social, histórico e políticos que subxace nestes nomes.

Nesta IV Xornada de Onomástica Galega indagarase sobre o sistema de conformación dos nomes de rúas dende diferentes perspectivas. Todas elas poden resultar interesantes para disciplinas como a sociolingüística ou a xeografía da paisaxe.

Este encontro está organizado pola Real Academia Galega. Unha institución que ten sobre a mesa diferentes proxectos. Entre eles destaca a intención de crear, este mesmo ano,  un mapa de toponimia de Galicia e un dicionario dos nomes galegos.

Todos os que queiran inscribirse terán que enviar un correo electrónico a publicacions@academia.gal cos seus datos. O prazo para facelo remata o 15 de outubro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí