Veciños da Barquiña demandan un estudo do subsolo tralo derrube da súa finca

NOIA> Desesperados. Así están os propietarios dunha vivenda do lugar da Barquiña, en Noia, despois de que se afundira parte da finca. Demandan a realización dun estudo xeolóxico para coñecer o estado do subsolo nesta zona na que, hai anos, se emprazaba unha mina. Os propietarios desta vivneda, situada no lugar da Barquiña, aínda viven co susto no corpo dende que no pasado mes de abril se afundira parte da finca provocando un burato de catro metros e medio de altura. Tras investigar as posibles causas do suceso, algúns veciños apuntaron á existencia dunha mina na zona hai anos. De aí, as galerías que se estenden polo subsolo supoñendo un imporante risco para as numerosas vivendas que existen nesta zona. Os propietarios da vivenda, xunto con outros veciños das parcelas anexas que tamén poderían acabar afectadas, demandan a realización dun estudo para coñecer o estado real do subsolo ¡ e actuar en consecuencia antes de que se produza un accidente. Polo momento néganse a tapar o burato . Temen que afecte ó curso das augas e acabe por afectar á vivenda.