Pontevedra quere ter rematada a primeira fase da rehabilitación da Casa Consistorial no 2022

PONTEVEDRA> Pontevedra avanza na recuperación do antigo edificio da Casa do Concello, na Praza de España. A intención do executivo é licitar as obras no prazo dun mes e rematar os traballos no vindeiro ano. Mentres, o servizo de arqueoloxía municipal está facendo catas internas para coñecer a historia deste emblemático edificio pontevedrés, deseñado a finais do século XIX polo arquitecto Alejandro Sesmeros.

O servizo de arqueoloxía do concello de Pontevedra rebusca na historia da Casa Consistorial. Están a facer catas internas para pescudar que había antes do edificio deseñado a finais do século XIX polo arquitecto Alejandro Sesmeros.

As catas están permitindo, ademais, coñecer o alcance da reforma que se fixo no edificio no 1944 para recibir ao ditador Francisco Franco. A actuación custou no seu momento 700.000 pesetas; uns 6 millóns de euros na actualidade.

Estes traballos realízanse de xeito paralelo aos preparativos para a reforma da primeira planta, a mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor e a recuperación da entrada orixinal pola rúa Alhóndiga.

A intención do concello é que as obras se liciten no prazo dun mes para comezar este ano e que poidan estar rematadas no vindeiro.

O prazo de execución das obras é de seis meses, e o orzamento para esta fase da rehabilitación é de 700.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí