Rías Baixas conta con 3.000 cataviños máis tras vender xa a metade dos dispoñibles

CAMBADOS> O bo ambiente está a marcar a Festa do Albariño de Cambados. Cando a celebración chega ao seu ecuador, dende o concello destacan a importante afluenza de visitantes que están a recibir.

Un termómetro infalible e unha das poucas cifras que existen a estas alturas da festa é o número de cataviños vendidos. A día de hoxe, xa se venderon máis da metade.

Tanto é así, que dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas fixéronse con 3.000 cataviños a maiores, convencidos do éxito que vai acadar un ano máis a Festa do Albariño.

Un ano máis, o Albariño está a demostrar que non ten rival. Nin sequera os máis de 30 graos que se están a rexistrar nas horas centrais do día no Paseo da Calzada. Máis aínda, tanto os stands dos adegueiros como os foodtrucks destacan que as vendas son incluso máis elevadas que o ano pasado.

Tamén está a ser un éxito o Xantar do Albariño. Este mediodía, o concelleiro Xurxo Charlín aseguraba que só quedaban 10 entradas sen vender. Recordemos que o Pazo Torrado ten un aforo de 600 persoas.

O Xantar celebrarase o domingo ao mediodía. Trala comida, entregaranse os premios aos mellores viños albariños do ano 2017.